Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde, Fernando Suárez, lamenta o pasamento de Antonio Martínez Pérez, o que fora presidente da comisión organizadora da Cabalgata de Reis durante 29 anos

 Ribadeo, 16 de maio de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, lamenta o pasamento de Antonio Martínez Pérez, o que fora presidente da comisión organizadora da Cabalgata de Reis durante 29 anos.

O rexedor dixo que “enteirados do falecemento no día de hoxe queremos, desde o Concello de Ribadeo, mandarlles o pésame e unha mensaxe de agarimo a toda a súa familia. Antonio, entre outras moitas facetas da súa vida, foi unha desas persoas que ao longo de moito anos formou parte destacada dunha chea de actividades colectivas do noso pobo, como as festas de Ribadeo, e especialmente, a organización da Cabalgata de Reis, asociación da que foi durante 29 anos presidente”.

Suárez Barcia sinalou: “vaia pois, unha lembranza agarimosa de todo ese tempo, no cal, en parte, eu como alcalde tiven a honra de participar. Lembro con especial empatía, as numerosas veces que viña ao Concello co seu impulso decidido e un ímpeto rexo e resolto a falar con nós, para lograr o apoio do Concello dun xeito ou doutro nese evento do Nadal tan importante para os máis pequenos”.

E engadiu: “e sirva este recoñecemento cívico para todas as persoas que organizan eventos culturais, de lecer, festivos, etc. para a cidadanía do noso pobo, e que co seu traballo abnegado e desinteresado  para o ben da comunidade da que todos e todas formamos parte (algunhas das veces ingrato e pouco valorado). E neste caso especialmente sirva tamén para unha persoa que durante case tres décadas incansablemente organizou a nosa Cabalgata. Que a terra che sexa leve, Antonio. Descansa en Paz”.

Exit mobile version