Acreditado que o Estado exonerou aos autónomos de pagaren o recibo do mes de abril e comezou a devolver a metade dos recibos de marzo, o BNG pide ao goberno local que “aclare en que se concretarán as axudas anunciadas , que se presentaron coma a medida estrela do concello ante a crise provocada pola Covid 19”. O concelleiro nacionalista Luis Fernández urxe ao executivo do Partido Popular “a aprobar as bases e a convocatoria das axudas, para que as persoas interesadas teñan información sobra as contías e os prazos de solicitude”.
O voceiro nacionalista critica que “o alcalde fixera anuncios sen concreción ningunha xerando confusión entre a veciñanza” e cuestiona a motivación do goberno local á hora de facer a proposta xa que, explica, “o goberno do Estado xa tiña anunciado daquela que exoneraría do pago das cotizacións sociais aos autónomos que solicitaran o cese de actividade pola alarma sanitaria”
Así, a formación nacionalista demándalle ao goberno local que “faga propostas realistas, compatibles coas competencias que teñen os concellos en materia de axudas directas” e “non siga vendendo fume a veciñanza”, e solicita “que convoque aos sectores produtivos e aos grupos municipais para propoñer e consensuar medidas de protección social e reactivación económica”.