Desde o BNG viveirense insistimos novamente na proposta exposta na reunión de voceiras do 24 de marzo á alcaldesa, para que desde o Concello se ceda temporalmente os postos baleiros do Mercado Municipal (Praza de Abastos) para paliar a actual situación dxs praceirxs e produtorxs locais que non poden realizar a súa actividade nos mercados semanais nin darlles saída aos seus produtos de horta. “A rapidez e axilidade é vital en moitos casos, este é un deles, canto máis se tarde en habilitarlles estes postos, máis produtos terán que desbotar creándolles aínda máis perdas”, indica a concelleira do BNG.
Míriam Bermúdez tamén insistiu na creación da Plataforma de venta online conxunta para todo Viveiro, recalcando que “esta plataforma ten que ser municipal, feita desde o Concello para que colla a todo o tecido empresarial, produtivo e comercial de Viveiro; comercios, productores locais, Mercado Municipal… Xa que a pesares do confinamento as ventas por internet non decaeron senon todo o contrario, polo que é preciso que o comercio de Viveiro teña unha gran plataforma web conxunta”. “Se agora que aumentou a compra online dunha maneira exaxerada non é o momento de facer esta plataforma, a ver cando”, pregúntalle á alcaldesa.