Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defenderá a derrogación da Lei Montoro para ampliar a capacidade financiera dos concellos no vindeiro pleno provincial

 Lugo, 21 de maio de 2020.- O BNG presentará no vindeiro pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará por vía telemática o 26 de maio, unha moción na que instará ao goberno do Estado a derrogar a Lei de estabilidade e sostenibilidade financieira -coñecida como Lei Montoro- no tocante as restricións que impón a concellos e deputacións no uso dos seus recursos.
A formación nacionalista explica que a norma, aprobada en 2012, limita drasticamente a capacidade das entidades locais para dispoñer duns fondos que resultarían fundamentais para paliar a crise económica e social que derive da Covid-19.
A derrogación da lei, indica o BNG, permitiría liberar recursos agora bloqueados nas entidades financieiras – e dedicar os remanentes orzamentarios a desenvolver medidas orientadas a reducir o impacto da crise na cidadanía. Sempre, puntualiza o BNG, no marco das competencias das entidades locais.
A este respecto a formación insiste na necesidade de que cada administración asuma as súas competencias, para evitar duplicidades, solapamento ou baleiros que carguen nos ombreiros dos concellos – que xa están nunha situación de infrafinanciación ao respecto da media do estado – atribucións que non lles son propias.
As nacionalistas tamén mostran na moción a preocupación “ante a posiblidade de que o Ministerio de Facenda interveña os depósitos de remanentes das entidades locais, deixando os concellos sen ningunha capacidade de actuación”
O BNG reclama a actuación urxente da Xunta de Galiza
Na súa proposta para o debate no pleno, o grupo nacionalista urxe á Xunta de Galiza a elaborar plans reactivación económica e de axudas a pemes e autónomos, consensuados e refrendados polo Parlamento galego.
O BNG critica que o goberno galego se escondese tralo mando único na xestión da crise e reclámalle “unha actuación urxente” para establecer axudas -complementarias ás do Estado- para que persoas autónomas e pequenas empresas poidan seguir desenvolvendo a súa actividade”.
Os nacionalistas lembran que “distintas comunidades autónomas aprobaron xa hai semanas este tipo de medidas”
Puntos de acordo da moción
Indicamos os puntos de acordo da moción, rexistrada este xoves para o seu debate no pleno do vindeiro martes.
1.- Instar a Xunta de Galiza á iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. Este plan debe delimitar claramente as competencias das distintas administracións, para evitar duplicidades e baleiros no emprego dos recursos públicos.
2.-Instar á Xunta de Galiza á elaboración con urxencia dun plan galego de axudas, que complemente as medidas do estado, a autónomos e pemes.
3.- Solicitar do goberno do estado a derrogación dos aspectos substanciais da lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira : estabilidade e regra de gasto, uso superávit e remanentes e endebedamento, para que as administracións locais podan desenvolver toda a súa capacidade de gasto e investimento.
4.- No caso de que, por parte do Ministerio de Facenda, se incauten ou bloqueen os fondos das administracións locais, a corporación provincial manifestará a súa firme oposición.
5.- Dar traslado deste acordo á FEGAMP, a Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado.

Exit mobile version