Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide unha “mobilización institucional e social” para “manter a produción de aluminio e o emprego” en San Cibrao

 Lugo, 28 de maio de 2020. O grupo provincial do BNG manifestou “o seu apoio e solidariedade” coas traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao despois de que a multinacional comunicase aos representantes sindicais a intención de despedir ata 534 obreiros da planta de aluminio.
“O anuncio é unha moi mala noticia, unha estocada, para unha comarca xa moi azoutada pola crise industrial”, sinalou a deputada mariñá Mónica Freire, que remarcou a responsabilidade da Xunta de Galiza, “que se puxo de perfil malia ter as competencias en industria”, e do goberno do Estado no escenario que se debuxa para a comarca da Mariña.
Desde a formación nacionalista, que este martes defendeu no pleno provincial unha moción na que se reclamaba a “mobilización das administracións” ante a estratexia da empresa “de deixar morrer a factoría”, propoñen a “intervención pública da factoría para evitar o seu peche”
A posición expúxoa tamén a vicepresidenta da Deputación provincial Maite Ferreiro que urxiu a “unha mobilización institucional e social para evitar o peche da factoría e manter a produción”.“Non podemos seguir vendo como se desmantela o sector industrial ante a pasividade do Goberno central e da Xunta que aínda hoxe, nesta situación crítica, seguen a repartir as culpas e botar balóns fóra”, argumentou.
“Galiza é produtora neta de electricidade. É inadmisible que estamos ao borde de perder o principal activo económico desta comarca, e do país, polo custe da enerxia”.“É máis urxente que nunca poñer en marcha a tarifa eléctrica galega”, concluíu Maite Ferreiro.

Exit mobile version