Site icon Crónica3.com A Mariña

O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, destaca que o Plan de Recuperación da UE supón “unha oportunidade histórica para Galicia”

Bruxelas, 28 de maio de 2020. O eurodeputado socialista Nicolás González Casares considera que o Plan de Recuperación presentado onte pola Comisión Europea, Next Generation EU, supón unha oportunidade histórica para Europa e tamén para Galicia. “Trátase dun plan ambicioso que prevé novos mecanismos financeiros para afrontar esta crise, aliñado cos obxectivos de construír unha Unión Europea máis social e innovadora, pero tamén máis preparada para os retos dixitais e medioambientais”, asegurou.

“Este Plan supón unha oportunidade histórica para Galicia, e está na liña do defendido durante estes meses polos socialistas no Parlamento Europeo”, explicou González Casares. Esta nova ferramenta financeira prevé novos fondos para o Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, dous sectores de especial relevancia en Galicia.

Tamén o sector industrial se verá beneficiado deste novo plan. A proposta da Comisión Europea recolle ferramentas para favorecer a reindustrialización, así como máis recursos para financiar as políticas de Transición Xusta, que prevé fondos para axudar aos territorios, traballadores e sectores máis afectados pola descarbonización da economía.

O fondo, que dispón 750 mil millóns de euros, consta de tres piares: apoio aos Estados membros para a recuperación e a cohesión territorial; apoio ás inversións privadas e nova capacidade estratéxica; e novos retos da Unión, como un novo programa de saúde comunitario.

O eurodeputado socialista apuntou que agora se abre un período “no que é necesario analizar con cautela e en profundidade” as propostas da Comisión Europea. “Estes fondos estarán incluídos no próximo orzamento da UE e canalizaranse a través dos programas da UE, o que asegura que o Parlamento Europeo terá voz e voto no seu reparto”, asegurou.

“Con esta proposta a Comisión dá un paso histórico ao propoñer un plan de inversión financiado con cargo á emisión de débeda europea e pagado con fondos propios. Espero que os Estados membros estean á altura e que os máis reticentes, os autodenominados frugais, non poñan máis trabas a un plan necesario para a reconstrución”, concluíu.

Exit mobile version