Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ministerio de Industria pide a Alcoa que reconsidere o despedimento colectivo anunciado para a planta de San Cibrao

 Madrid, 28 de maio, 2020. Tras coñecer esta mañá a intención de Alcoa de reducir a capacidade produtiva da planta de aluminio primario de San Cibrao, o que podería significar o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo:

– Pide á compañía norteamericana que reconsidere o despedimento colectivo anunciado.

– Solicita corresponsabilidade no momento que estamos a atravesar, no que é máis necesario que nunca manter as capacidades produtivas e os postos de traballo, e lémbralle que tivo -e segue tendo- importantes axudas públicas, condicionadas ao mantemento do emprego. Nun momento tan complicado como o que vive a sociedade española, é necesario un compromiso de Alcoa coa provincia de Lugo e coas traballadoras e traballadores da planta.

– É coñecedor tanto da difícil situación financeira de Alcoa a nivel internacional como dos problemas estruturais que ten a planta, sobre todo, no contexto actual, cunha importante caída da demanda de aluminio primario.

– Reafirma o apoio aos traballadores da planta e o compromiso para a continuidade do emprego na comarca da Mariña.

O Ministerio de Industria vén demostrando desde hai dous anos o seu compromiso co mantemento do tecido industrial español -especialmente o de Galicia- a través do reforzo das axudas de CO2, o Plan REINDUS, o impulso dun Estatuto para a Industria Electrointensiva, e, a nivel europeo, o axuste fiscal en fronteira a través do ‘border tax’.

O Ministerio de Industria seguirá mantendo un contacto permanente e fluído coa dirección da empresa e cos representantes dos traballadores para coñecer os avances do período de consultas que se vai a iniciar.

Exit mobile version