Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial aproba destinar 13,6M€ de remanentes ao Plan Único e a reforzar a cooperación cos concellos e o tecido asociativo

 Lugo, 26 de maio de 2020. A Corporación provincial aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes vía telemática, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2020 da Deputación de Lugo por importe de 13,6M€. Deles, máis de 10,2 destinaranse ao Plan Único co fin de que acade unha dotación económica por un total de 21,3 millóns, e 3,3 millóns estarán dedicados a reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia “co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego, algo especialmente importante no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia do coronavirus”, subliñou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.

Durante a súa intervención, a Deputada botou por terra as afirmacións que fixo de maneira reiterada o Partido Popular sobre a dispoñibilidade de remanentes da institución provincial.

García Bermúdez explicou que o importe total de remanentes de tesourería para gastos xerais da Deputación resultante da liquidación do exercizo económico do 2019 foi de 64,5M€, dos que xa se incorporaron ao Orzamento deste ano 47,1M€ para facer fronte a compromisos adquiridos, como por exemplo obrigas derivadas do Plan Único de anos anteriores, de convenios asinados con concellos da provincia de todas as cores políticas, da xestión dos centros de atención a maiores, ou o encargo á empresa pública Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, o que permitiu garantir a continuidade de todos os postos de traballo dos empregados de SUPLUSA que realizaban estas tarefas, nas mesmas condicións laborais e salariais.

Deste xeito, coa nova incorporación aprobada hoxe por 13,6M€ para reforzar a cooperación con concellos e asociacións, e para completar o crédito do Plan Único 2020; e cos 3,7M€ que se decidiron reservar tamén no Pleno desta mañá para cumprir co Plan Económico Financeiro, a Deputación non ten remanentes dispoñibles.

Ademais no Pleno deste martes tomou posesión, tamén vía telemática, o concelleiro barreirense José Manuel Gómez Puente como Deputado do Grupo Provincial do Partido Popular tras o cese de Elena Candia.

Ao inicio desta sesión plenaria, a Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e o Presidente avanzou que, en consonancia coa aprobación de 10 días de loito oficial que ten previsto aprobar hoxe o Consello de Ministros, a Deputación colocará as bandeiras a media hasta durante eses 10 días en canto se publique a resolución no BOE.

Exit mobile version