Candia indicou que o PP defenderá nos concellos e na Deputación políticas de axilidade na contratación das obras. Manifestou: “O sector, que é unha das grandes locomotoras da economía provincial, precisa unha reactivación dos contratos de obras en todas as administracións; os concellos serán parte da solución. Neste caso, hai un claro interese común porque en todos os municipios son precisas obras, máis ou menos importantes, nas infraestruturas municipais”.
A presidenta provincial do PP asegura que no seu partido comprenden e apoiarán tanto como sexa posible as demandas dos empresarios do sector da promoción e a construción de vivenda en canto ao establecemento de bonificacións nas taxas e impostos polos que están máis directamente afectados: ICIO, IBI, ocupación de vía pública e obras menores.
Elena Candia asegura que o PP fará un esforzo tanto alí onde goberna como onde é oposición para conseguir unha maior axilidade na tramitación e concesión de licenzas de obras e de actividade, así como coas licenzas de primeira utilización.