Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta de novo a PSOE e BNG a reclamar no pleno de hoxe ao Goberno o estatuto electrointensivo que garanta o futuro de Alcoa

 Lugo, 26 de abril de 2020. “Hoxe podería ser un bo día para a democracia na Deputación, porque, grazas a insistencia do PP, por fin, despois do confinamento debido á covid-19, se celebra unha sesión plenaria ordinaria (non houbo en abril) e seguidamente, unha extraordinaria pedida polo Partido Popular”, dixo esta mañá o portavoz dos populares, Javier Castiñeira, antes do inicio do pleno ordinario por vía telemática. De seguido puntualizou: “Como son razoablemente optimista, espero que os membros do goberno provincial non arruínen esta posibilidade de que sexa un gran día para a democracia e para a provincia, aínda que moito me temo, vendo as mocións que defenderán, que van dar prioridade de novo ao tacticismo político fronte á eficacia na xestión, ao xogo revolto fronte ao traballo a favor da provincia”. Engadiu: “Só con ver a moción do goberno provincial sobre Alcoa xa está claro que sigue sen mollarse, porque non reclama do Goberno a aprobación do estatuto para empresas electrointensivas, e, sen iso, non se garanta o futuro dunha industria esencial para A Mariña e para Lugo”.

Castiñeira sinalou que, vistas as iniciativas de socialistas e nacionalistas, da a impresión de que a sesión vai ser un continuo intento de reclamar á Xunta que faga o traballo que lle corresponde, e non fixo, á Deputación. Considera que se trata de mocións-trampa, para desvirtuar o debate na sesión extraordinaria, que se celebrará a continuación pedida polo PP, dun plan provincial, dotado con 8 millóns, para reactivar a economía provincial. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, recorda que a Xunta foi a Administración máis eficaz na crise sanitaria e que incluso chegou antes en axuda das residencias provinciais de maiores que a propia Deputación, da que dependen.

Para os populares, só desde o tacticismo máis desbocado pode o PSOE reclamar o reforzo da sanidade pública, cando tan boa foi a xestión da Xunta nesta crise, e tan mala a da Deputación, que a administración autonómica acudiu antes que a provincial a atender as necesidades das residencias de maiores da propia Deputación. Como dato revelador, hai que dicir que o organismo provincial tardou 40 días en decidirse a conseguir material de protección sanitaria, e foi despois de moito insistir o PP.

Outras mocións dos grupos de goberno teñen por obxectivo reclamar da Xunta un plan de estímulo da economía. Castiñeira destaca: “Que casualidade que reclamen da Administración autonómica o que é incapaz de facer a Deputación no ámbito provincial. No PP intentamos, por activa e por pasiva, que o presidente Tomé convocara unha reunión da xunta de portavoces, para debater, deseñar e poñer en práctica un plan de intervención directa da Deputación para a reactivación do tecido produtivo da provincia. Como non foi convocada esa reunión pedimos o pleno extraordinario. Como legalmente non puideron dicir que non, tratan de desvirtuar o debate de distintos modos: por un lado, con mocións para que sexa a Xunta a que deseñe o plan que socialistas e nacionalistas non queren deseñar para Lugo e, por outro lado, fixando o inicio do pleno extraordinario para debater o plan que propoñemos para as 14.00, co fin de que teña menos impacto social”.
No pleno ordinario tanto o goberno como o PP defenderán mocións sobre Alcoa-San Cibrao. Castiñeira di: “O goberno provincial, unha vez máis, enreda neste asunto de vital importancia para a provincia de Lugo. Na súa proposta, de apoio aos traballadores das empresas auxiliares, evita coidadosamente reclamar ao Goberno o estatuto para empresas electrointensivas, sen o cal é imposible garantir un marco estable de prezos asumibles. Outra vez o goberno provincial volve a situarse no si pero non en todo o que ten que ver con Alcoa. Os populares esiximos ese estatuto e que incorpore as alegacións dos traballadores e da Xunta, e, ademais, reclamamos medidas de apoio aos traballadores, tanto aos que prestan servizos por medio de ETT, como para os das firmas auxiliares e para o propio cadro de traballadores de Alcoa”.

En resumen, para Castiñeira, “estes dous plenos demostran a incompetencia deste goberno provincial”. Por un lado, desde o punto de vista económico, “posto que non son capaces de cumprir o plan económico-financeiro, polo que teñen que anular 4,5 millóns de euros de fondos provinciais e non usalos nesta anualidade”. Engadiu: “Ademais usan  3,3 millóns de euros do remanente para subvencións a concellos e asociacións, despois de negarse a aceptar a nosa proposta para incrementar en 700.000 euros o presuposto do Plan Único para facer fronte ás necesidades derivadas da crise sanitaria”.

Castiñeira tamén declarou: “Outra manifestación da incompetencia do goberno provincial é que reclama á Xunta o que eles non foron capaces de xestionar, nin sanitariamente nin a modo de reactivación económica da comarca, quedando demostrado que o único que fixeron foi empregar 250.000 euros na compra de material de protección, 40 días despois. E incompetencia tamén en relación con Alcoa-San Cibrao, posto que seguen encubrindo ao Goberno central e, mentres a industria segue perdendo produción e empregos, o imprescindible estatuto electrointensivo está sen aprobar”. Resumiu: “En definitiva, incompetencia para gobernar e pactar un plan poscovid-19 para a provincia, escudándose en que debe ser a Xunta quen o faga. A provincia e os lucenses non se merecen este goberno”.

Exit mobile version