Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña convoca unha reunión urxente mañá cos alcaldes da comarca para abordar a situación de Alcoa

 A Mariña, 28 de maio de 2020. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, amósase preocupado polo futuro da planta de Alcoa en San Cibrao. A posible desaparición da sección de Aluminio suporía a perda de 500 empregos directos e doutros moitos indirectos. Cajoto subliñou que esta empresa é necesario defendela conxuntamente ao marxe de cores políticas diante do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia. O presidente da Mancomunidade convoca aos alcaldes a unha xuntanza urxente que se celebrará mañá, venres, ás 19:30 horas por vía telemática.

Fran Cajoto declarou que “estamos todos os alcaldes da Mariña moi preocupados co último anuncio da factoría, polas informacións que nos chegan. Estase a falar de que podería pechar toda a parte de Aluminio na fábrica de Alcoa. Isto implica a perda de emprego para 500 traballadores directos da propia factoría máis todos os indirectos”.

O presidente da Mancomunidade destacou que “de Alcoa comemos todos. De Alcoa vivimos moitas familias da Mariña. Dá traballo tamén ao sector do transporte, sector servizos… e non podemos prescindir dela. É un valor que temos que defender diante de quen sexa, independentemente da cor política. Temos que esixirlle ao Goberno Central que se aprobe xa ese estatuto do electrointensivo, e temos que esixirlle á Xunta de Galicia que faga os seus deberes dentro das competencias de Industria que ten exclusivas establecidas no Estatuto de Autonomía”.

Cajoto anunciou que “o que toca facer, como presidente da Mancomunidade, é convocar unha reunión urxente para este venres ás sete e media da tarde, na que poidamos facer fronte común todos os alcaldes, na que poidamos unir todas as forzas políticas da Mariña, non só o comité de empresa. Isto temos que defendelo entre todos, toda a sociedade civil”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense pensa que “co esforzo de todos algo poderemos facer. Desde logo non vai ser por quedarnos quietos. Imos estar aí, imos estar cos traballadores, imos estar coa factoría e imos pelexar o que sexa necesario”.

Exit mobile version