Pontevedra, 13 de maio de 2020. O deputado socialista Julio Torrado criticou hoxe a “pasividade” da Xunta ante o conflito entre bateeiros e percebeiros a raíz da escaseza de mexilla, a pesares de que son os propios representantes dos sectores os que están pedindo que o goberno galego se involucre.
“A labor da Xunta non pode ser lavarse as mans, como está facendo ata o de agora”, remarcou o deputado arousán, quen se amosou “moi preocupado” polo que está ocorrendo en medio da “inacción” do goberno de Feijóo.
“A situación está indo cada vez a máis”, evidenciou Julio Torrado, e incidiu en que “a Xunta debe sentarse coas partes, mediar e chegar a un acordo que sexa beneficioso para todos”.
“Non entendemos -proseguiu o parlamentario socialista- que a Xunta non actuara dende o primeiro momento no que se detectou a escaseza de alimento para os bivalvos, pero xa non pode seguir eximíndose da súa responsabilidade”.
Precisamente, tras facer fincapé en que o goberno galego “ten que deixar de agocharse” ante a gravidade da situación, Julio Torrado requiriu que “a Xunta busque solucións” antes de que o conflito “vaia a máis”, tal e como están reclamando tanto os bateeiros como os percebeiros.