Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas apoian as reivindicacións das auxiliares de Alcoa

 Burela, 19 de maio de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero, a Alcaldesa de Viveiro e Deputada Provincial, María Loureiro e o Alcalde de Foz e Secretario de Industria da Executiva Provincial,, Francisco Cajoto mantiveron esta tarde, na sede do PSOE en Burela, unha xuntanza de traballo cos representantes da plataforma coordinadora de empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao, Diego Fernández e Enrique Jose Rocha. Alí Otero avanzou, o apoio do PsdeG-PSOE en favor do mantemento dos postos de traballo das auxiliares. Nesa liña remarca que representan o 50% da masa de traballadores da factoría, cun total de 1.000 empregados.

A Secretaria Provincial dixo que o PsdeG-PSOE apoiara en todos os concellos a moción presentada pola Plataforma, tras o anuncio de ERTE, a consecuencia da decisión de ALCOA de non realizar a rebrascaxe das cubas que chega ao final da súa vida útil.

Otero advirte “que as competencias en materia industrial, tal e como recolle o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia son da Xunta que preside Núñez Feijoo e o PP. Por iso é preciso que Feijoo exerza as súas competencias con axudas, no caso de que sexan necesarias, para a garantir a viabilidade de Alcoa”.
Evolución do prezo da enerxía
Así as cousas a secretaria provincial sinala que “ao longo de 2019 e o primeiro trimestre de 2020, a evolución do prezo da enerxía descendeu de xeito relevante, como resultado da estratexia enerxética posta en marcha polo Goberno de España, e tamén polos distintos cambios no mercado enerxético. Na actualidade o prezo por Kw/h é moi inferior ao que se viña demandando fai tan só uns meses pola propia empresa e pola Xunta e PP para garantir a competitividade da planta”.

“Hoxe en dia a electricidade esta mais baixa que nunca, por iso non é compresible que pechen as cubas. Onde esta o señor Feijoo?. Escondido coma sempre. Só se asoma para a foto”, replicou. E proseguiu “o PP ten diante unha oportunidade única para contribuir ao mantemento do emprego en Alcoa. Non se agoche e actúe”, remarcou a dirixente socialista.

O prezo da electricidade favorece a competitividade da empresa
Otero explica que “actualmente o prezo da electricidade favorece a competitividade da empresa e polo tanto a súa viabilidade. O Goberno de Pedro Sánchez traballou para conseguir acadar os seus obxectivos en relación ao prezo da enerxía. Ese foi o seu compromiso cos traballadores”.

Compromiso do PSOE
A dirixente socialista reivindica “o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa viabilidade da empresa, así como o mantemento dos postos de traballo. O Goberno de Pedro Sánchez, e dende o PsdeG-PSOE vamos a seguir traballando para conseguir a viabilidade desta empresa e un plan de viabilidade de futuro para os seus traballadores”, resumiu.

Exit mobile version