Site icon Crónica3.com A Mariña

Protestas da CIG contra o desmantelamento de Alcoa

 Xove, 19 de maio, 2020. Este martes leváronse a cabo accións de protesta diante dos concellos de Xove e Burela por delegados e delegadas da CIG en Alcoa e nas industrias auxiliares en contra o desmantelamento da factoría e para reclamar a intervención dos gobernos español e galego na defensa dos empregos e da actividade industrial do principal motor económico da Mariña.

Estas protestas enmárcanse nas accións que a CIG está a realizar tras a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrólise ao final da súa vida útil, o que xa tivo consecuencias directas sobre o emprego de dúas auxiliares, Reymogasa e Cyrgasa que presentaron expedientes de regulación temporal de emprego.

A CIG alerta que con esta decisión, Alcoa avanza no plan de desmantelamento da factoría de San Cibrao pois de aquí até final de ano, sumando as que xa ten apagadas, 90 das 512 cubas que hai estarán mortas, “seguindo o camiño das plantas da Coruña e Avilés”.

“Estamos aquí para protestar contra o desmantelamento iniciado por Alcoa, que afecta en primeiro termo ao persoal das auxiliares, pois xa temos compañeiros que están na casa. Pero tamén para demandar do goberno español e da Xunta de Galiza que exerzan as súas competencias e actúen para evitar esta desfeita e os despedimentos nas auxiliares”, sinala Kike Rocha, delegado da CIG na industria auxiliar.

Rocha lembra que o persoal das contratas representa “o 50% da masa de traballadores e traballadoras da factoría, cun total de 1000 postos”. Porén, coa decisión de Alcoa de non realizar a rebrascaxe das cubas “vemos como comeza o principio da fin da actividade na fábrica e os primeiros en pagar a factura somos sempre os traballadores/as das auxiliares”. Por iso, reclama a intervención da Xunta na busca unha solución para que non paren as cubas, así como para que ningún traballador/a de empresas auxiliares perda o seu posto”. Nesta mesma liña, pide do Goberno español “a súa inmediata actuación para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría, esta recupere o 100% da actividade e non se perda ningún emprego”.

Exit mobile version