Site icon Crónica3.com A Mariña

“Verónica. A impunidade dunha morte con moitos culpables e a que mesmo o feminismo esqueceu”, por Marta Rodríguez Engroba

Dentro de pouco mais dunha semana cumplirase un ano do día no que Verónica, a traballadora de Iveco que viu coma a súa intimidade era difundida aos catro ventos, non puido mais e decidiu quitarse a vida.

Un video de contido sexual, e pertencente, como xa dixen, a súa vida mais privada, correu coma a pólvora, convertindo a Verónica en obxecto de burla, de aldraxes e do escarnio mais cruel.

Verónica comezou a ser acosada, e tivo que soportar situacións tan humillantes coma ver pasar a compañeiros por diante do seu posto de traballo para mirala, para comprobar se era ela a que aparecía no vídeo, un vídeo que xa circulaba imparable por distintos grupos de whatsapp no seu eido laboral.

Ela pediu axuda.

Contoulles aos responsables da empresa o mal que o estaba pasando, a súa desesperación e a súa vergoña, mais, malia isto, a empresa cualificou o que estaba acontecendo de problema persoal e o protocolo previsto para situacións de acoso nunca foi activado.

Agora, case un ano despois de que Verónica, incapaz de seguir soportando nin un so día mais o inferno que estaba a vivir, tomase a tráxica decisión de suicidarse, a maxistrada encargada do caso, Ana Mª. Gallegos, decidiu arquivalo, dí que provisionalmente, argumentando que a lei establece que para investigar un suposto delito contra a intimidade, a vítima debería ter presentado unha denuncia, argumento que tamén esgrimiu a empresa, que alega terlle recomendado que acudira a unha comisaría a denunciar.

Dito doutro xeito, todos cantos contribuiron a matala, quedan impunes, e a responsabilidade é trasladada a propia vítima, unha vítima que, coma case todas as mulleres obxectos de delitos contra a súa persoa, automáticamente se convertiu en culpable.

Todo canto Iveco, a empresa, fixo, foi ofrecerlle un cambio de departamento a outro menos visible, agocharse, porque facer o correcto, esixir responsabilidades, e aplicar as medidas sobre os culpables, nunca se contemplou, pero deixando sempre claro, por suposto, que a única culpable era a propiaVerónica, por non acudir a denunciar.

O mesmo daba que a humillación xa a minara e lle impedira tomar calquera medida. A obriga de velar pola súa dignidade era, o mesmo que a culpa, única e exclusivamente súa.

Din tamén que a policía investigou a filtración, pero que non puido identificar a primeira persoa que difundiu o vídeo, e tamén inciden en que Verónica non denunciou.

Tampouco puideron, seica, acreditar cantas persoas o viron, nin atoparon probas de que ninguén tentara chantaxear a Verónica con ese vídeo, polo tanto, non hai caso.

Abraiante e noxento!
Nunha época na que por mor dos dispositivos que utilizamos estamos todos controlados en maior ou menor grado, e na que a propia policía afirma, e dou fe, porque son moitas as veces que, nestes anos, o escoitei de boca de prácticamente todos os policías que me acompañaron a impartir charlas nos colexios, que un delito como o cometido contra Verónica non queda impune e que tanto o que inicia a propagación dun vídeo destas características, coma aqueles que contribuen a difundilo non poden escapar ao castigo, resulta que os acosadores de Verónica, os inductores da súa morte, quedarán impunes.

Pero se hai algo que me produce ainda mais repugnancia se cabe que a ignorancia, o silencio cómplice e letal de Iveco e de todos os implicados na investigación, e a total indiferencia, a absoluta ignorancia ante un crime tan flagrante dese sector do “feminismo” que berra, incendia redes sociais, e sae a rúa enarbolando pancartas ao berro de todas somos fulanita ou menganita en canto ulen un titular, ou albiscan unha cámara ou un micrófono, pero que ante unha aldraxe tan atroz a unha muller, ficaron caladas, agochadas, engordando a súa hipocresía e ollando a outro lado.

Por Verónica non se convocaron manifestacións, nin berraron o de “se lle tocan a unha tócannos a todas”. Tampouco se promoveron campañas nas redes sociais, nin se xuntaron sinaturas.
Porque claro, enfrontarse a un xigante coma Iveco é demasiado traballo, e demasiado risco para a imaxe das expertas en sororidade de quita e pon.

E ainda hai quen me critica polo meu absoluto rexeitamento hacia ese enorme fraude ao que algúns e algunhas ousan chamar feminismo!.
O feminismo non merece que ser manchado cunha comparanza tan indigna.

Ogallá Verónica, alá onde esteas, atoparas descanso, e ogallá a cantos te ofenderon, te aldraxaron e te ignoraron, lles sexa negado para sempre.

Exit mobile version