Site icon Crónica3.com A Mariña

7º Videofaladoiro de Nordés, este sábado 6: “O que nos contan as rochas”

 O Vicedo, 3 de xuño, 2020. O sétimo videofaladoiro de Nordés será o sábado 6 de xuño, ás 20:00h. “O que nos contan as rochas” é o título escollido por Belén Pérez Pérez, licenciada en Bioloxía e actualmente profesora desta especialidade e de Xeoloxía no IES María Sarmiento (Viveiro).

Nalgúns lugares, o relevo e as rochas que o forman son un dos elementos máis importantes na configuración da paisaxe. Así acontece en lugares como o Cabo Ortegal ou Estaca de Bares, a praia das Catedráis ou a de San Román ou en enclaves tan visitados como Fuciño do Porco ou o Picón.Para gozar da beleza das nosas costas so é preciso pararse a contemplalas e ter un mínimo de sensibilidade.

Belén Pérez Pérez realizará unha breve aproximación ao mundo da xeoloxía. Un pequeno achegamento para tentar distinguir unhas rochas doutras, saber onde e como se formaron e finalmente interpretar a historia xeolóxica do noso territorio. Unha historia na que chocaron enormes continentes, abríronse océanos, tremeu a terra e os volcáns cuspiron materiais das súas entrañas, unha historia moi antiga á vez que apaixonante.

Pódese participar de dous xeitos:

.A través da plataforma de videoconferencias Jitsi Meet, para interactuar directamente con Belén Pérez. É preciso anotarse en asociacion.nordes@gmail.com ou 620417848.
.A segunda opción é a través da nosa canle de Youtube, en directo o mesmo sábado 6 ou diferido:https://youtu.be/DdX0-n9N3WE

Exit mobile version