Neste senso, Carril sinalou que a proposta presentada polo Ministerio de Industria o pasado martes podería servir como punto de partida para avanzar nas solucións ás problemáticas que Alcoa alega para xustificar os despedimentos e o peche da produción de aluminio primario en San Cibrao. Pero a postura intransixente que está a manter a multinacional, apuntou, “obriga o Goberno español a axilizar ao máximo todas as actuacións para darlle realidade ás medidas, sexa con Alcoa ou sen Alcoa”.
Isto implica, engadiu o secretario xeral da CIG, “que se admitan as nosas achegas para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva e que se acepte por parte das administracións, tanto da estatal como da Xunta, a intervención pública como saída”. Unha medida que, lembrou, é legalmente posíbel e viábel, tal e como se evidencia no informe elaborado pola UdC a petición da CIG.
Nesta liña, Carril insistiu en que a mesa multilateral debe seguir traballando neste camiño, aínda que Alcoa continúe co seu plan de desmantelamento. “O Ministerio non pode lavarse as mans e deixar todo agora exclusivamente ao que pase na negociación do ERE e do papel da Xunta como autoridade laboral”.
Precisamente, sobre a actuación da Xunta, denunciou que o Goberno galego lle está a facer o xogo á empresa, “cunha postura máis na defensa de que os plans de Alcoa vaian adiante que de manter os empregos e a actividade produtiva en San Cibrao”.
Doutra banda, Paulo Carril tamén criticou que o Executivo estatal manteña vixente a reforma laboral de 2012 que facilita que Alcoa poida executar os despedimentos de maneira unilateral. “De terse derrogado a reforma laboral, como se lle reclamou en múltiples ocasións, ou cando menos de ter anulado os artigos referidos aos ERE, a decisión de cando e como aplicar os despedimentos non estaría só en mans da empresa”, sinalou.
Agardamos que sexa do voso interese.