Por parte da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, lembroulle á ministra Maroto que a Administración estatal pode tomar no inmediato varias medias para frear os plans de Alcoa e manter os empregos. A empezar pola aprobación dun Real Decreto que recupere a autorización administrativa dos ERE, tal e como existía antes da reforma laboral de 2012. Deste xeito, a decisión de despedir a 800 traballadores e traballadoras non estaría en exclusiva nas mans de Alcoa.
“De igual xeito que se modificou pola vía de urxencia a reforma laboral do PP para anular os artigos que permitían os despedimentos por baixas de curta duración, o Goberno de coalición pode agora sacar un decreto que retome a autorización administrativa para a execución dos ERE”, subliña. Carril engadiu que, de terse derrogado a reforma laboral de 2012 á íntegra, hoxe estaríamos nunha posición diferente para enfrontar os recortes propostos por Alcoa.
Ademais, emprazou o Ministerio a que active a mesa multilateral creada o pasado xaneiro en Lugo (na que están representados o Goberno español, a Xunta, sindicatos, comité e empresa) e romper coa senrazón de Alcoa, esixíndolle nese marco a retirada da súa proposta. Neste punto, a ministra só asumiu o compromiso de buscar de inmediato unha data para reunir a mesa.
Tarifa industrial eléctrica
Neste sento, o secretario xeral volveu exixir a aprobación de urxencia de medidas para crear unha tarifa industrial en base ás alegacións sindicais presentadas ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo, sentando as bases para unha tarifa máis xusta, estábel e competitiva. Tanto dende a CIG como dende o comité vense alertando dende hai tempo que calquera alternativa de futuro na produción do aluminio (xa sexa con Alcoa ou con outra empresa) non será posíbel se non se avanza na regulación dun novo marco enerxético.