Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación concédelle ao Pescados Rubén Fútbol Sala un premio de 25.000€ polo seu labor en prol da igualdade

 Lugo, 26 de xuño de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno deste venres acordou concederlle un premio por importe de 25.000€ ao Club Deportivo Pescados Rubén de Burela por promover e fomentar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres coa implantación do primeiro convenio colectivo do fútbol sala feminino en España.

Tomé Roca subliña que este premio “que outorgamos dende a área de Muller e Igualdade, pon en valor o compromiso do club por avanzar con pasos determinantes, como este convenio colectivo, cara unha sociedade máis igualitaria en todos os ámbitos, en especial no deportivo”. Así mesmo, o Presidente explicou que este convenio “é un paso moi importante para a sociedade, para o deporte feminino e para o fútbol sala en particular. O Pescados Rubén Fútbol Sala fixo historia, demostrou que a loita pola igualdade se foi con accións coma esta”.

Ademais, o mandatario provincial puxo o foco na importancia das medidas que recolle o convenio que aínda que “son aínda insuficientes para lograr esas condicións igualitarias, son pioneiras e non se viran ata o momento neste deporte feminino”.

Dende a Deputación de Lugo, dixo Tomé Roca, “recoñeceremos e estaremos sempre do lado daquelas iniciativas, medidas, proxectos e acordos ou convenios que, como nestes caso, camiñen cara unha igualdade real e efectiva entre os homes e mulleres e, polo tanto, cara unha sociedade mellor e máis xusta”.

Exit mobile version