O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural ofrece a cada concello tres posibles convenios para financiar a contratación do persoal que conforma as brigadas municipais, ou ben o funcionamento das motobombas ou, por último, a realización de tarefas de desbroces.
Os concellos poden adherirse a todas ou algunha das modalidades. Na comarca obtiveron apoio todos os que o solicitaron: Alfoz, Cervo, Mondoñedo, Ourol, O Vicedo e Viveiro recibirán as tres liñas de financiamento; os demais decidiron sumarse a dúas ou unha das liñas propostas, a excepción da Pontenova, que non solicitou ningún convenio.
O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. Así, 11 concellos mariñáns constituirán en total 13 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de case 349.000 euros (o 58,1% do total asignado á comarca). Darán emprego a 64 persoas, que traballarán tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal.
En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde. Na presente campaña participan 11 concellos da Mariña, que prevén limpar en conxunto 1.180 hectáreas cun orzamento de 153.500 euros (o 25,6%).
A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas; adheríronse 8 concellos -con outros tantos vehículos-, que contratarán en total a máis dunha vintena de traballadores para este fin, cunha achega da consellería que suma 98.000 euros (o 16,3%).
O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos axudan a complementar os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo estará integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.