Conde advertiu de que, como nas reunións anteriores, o encontro desta tarde rematou sen que o Goberno presentase o borrador do Estatuto para os consumidores electrointensivos e sen concretar se aceptará as alegacións de Galicia, Asturias e Cantabria para fixar un prezo eléctrico estable e competitivo. Neste sentido, o conselleiro incidiu en que, se o estatuto non recolle as alegacións, será un estatuto ineficaz, porque non dará resposta ás necesidades reais que ten a industria electrointensiva en España para ser competitiva.
Neste sentido, a reunión tamén concluíu sen saberse cales son as medidas a curto prazo previstas polo Goberno, polo que o conselleiro reclamou que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria de poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano, así como o orzamento máximo que permite a Unión Europea para as compensacións por emisións de CO2.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria fixo tamén fincapé na necesidade de medidas que acheguen establidade a futuro, cun plan específico da industria electrointensiva para acceder ao reparto dos novos fondos europeos.