O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que desde a primeira achega, a principios de abril, o Goberno galego subministrou aos centros mariñáns un total de 73.200 guantes, 75.600 máscaras e pantallas faciais, 2.900 batas e mandís, 5.500 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante.
Estas cifras inclúen o envío que se realizou entre onte e hoxe, que neste caso supuxo a entrega de 13.070 unidades, entre as que se contan 6.400 luvas, 6.600 máscaras, botes e garrafas de solución hidroalcólica.
Destináronse a 16 centros xestionados por dez entidades públicas e privadas; entre as primeiras figuran a residencia do Concello de Ribadeo, a da Deputación Provincial en Trabada, e tamén as propias da Xunta en Burela e A Pontenova.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
Balseiro salientou que estes repartos están a chegar a todas as residencias de titularidade pública e privada da provincia de Lugo que constan no rexistro autonómico, incluídas as de propiedade municipal ou da Deputación e as dependentes da Consellería de Política Social.
Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.