Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta notifica a catro concellos da Mariña e á Mancomunidade de municipios que contarán con axuda para contratar persoal nas oficinas de turismo

 Lugo, 5 de xuño de 2020. A Consellería de Cultura e Turismo vén de notificar a catro municipios da Mariña luguesa e á Mancomunidade de Concellos da comarca que poderán optar ás axudas autonómicas que o Goberno galego viña reservando nos últimos anos para a contratación de persoal durante o verán, no marco das súas habituais liñas de apoio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que tendo en conta que a liña de subvencións convocada en febreiro pola Xunta de Galicia tivo que ser paralizada con motivo da crise sanitaria da covid-19, retómase agora a través dunha nova fórmula administrativa para cooperar cos concellos que solicitaron esta axuda.

Deste novo apoio poderán beneficiarse todos os concellos, municipios turísticos, xeodestinos ou agrupacións municipais que o solicitaron. Nesta zona, os municipios potencialmente beneficiarios son os de Mondoñedo, Ribadeo, Foz e Viveiro, ademais da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

Cada solicitante recibirá 5.500 euros, o que supón un investimento total de 27.500 euros na área da Mariña. A iniciativa permitirá reforzar o persoal das súas oficinas de turismo e, en consecuencia, a atención a turistas e visitantes que fan uso deste servizo de información.

Balseiro explicou que con esta medida búscase, en liña co previsto no Plan de Reactivación do sector turístico, fomentar o emprego, así como colaborar cos concellos a través da contratación de persoal cualificado e profesional que contribúa a blindar a calidade na atención turística no territorio galego.

Cómpre lembrar que o ano pasado Lugo foi a provincia galega na que máis creceu o turismo, cun incremento do 12,4% no caso da demanda e do 13% no número de turistas. No caso do xeodestino da Mariña, aumentou a demanda nun 9,5%. “E fíxoo nun ano no que Galicia conseguiu os mellores datos turísticos da súa historia. A situación será diferente nesta etapa poscovid-19, pero os concellos seguirán contando co apoio da Xunta”-concluíu Balseiro.

Exit mobile version