Nos últimos días vén de completar outro envío de material, distribuíndo nesta ocasión 14.900 unidades en 15 centros xestionados por once entidades públicas e privadas. Neste novo reparto, o Goberno galego achega 7.500 máscaras, 7.300 guantes, así como xel desinfectante. Entre os centros beneficiados figuran a minirresidencia de Trabada, que xestiona Suplusa -entidade dependente da Deputación Provincial-, ou as residencia para persoas maiores dos concellos de Ribadeo, Cervo e Foz.
Deste xeito, dende o comezo da pandemia o Goberno galego leva entregados 94.500 guantes, 96.100 máscaras e pantallas faciais, 2.900 batas e mandís, 6.400 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante, entre outros elementos.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.