Site icon Crónica3.com A Mariña

As condicións imposibles para o Concello, mesmo legalmente, esixidas polo Praias de Barreiros causan o abandono das escolas deportivas por parte do Club

 Barreiros, 1 de xuño de 2020. O abandono da xestión das escolas deportivas por parte do Praias de Barreiros vén provocado pola non aceptación polo Concello dunhas condicións “imposibles de realizar, mesmo legalmente”, explica a alcaldesa barreirense.
Segundo fixo público nun comunicado o Concello, o Praias de Barreiros, que ata o de agora recibía unha axuda municipal para as escolas deportivas de 15.000€, pedía incrementar esa cantidade ata os 25.000€, máis unha serie de condicións imposibles, mesmo legalmente.
O Concello asegura que desde o Club esixían da entidade local os seguintes compromisos para continuar coa actividade deportiva escolar:
1.- Eliminación das actividades de ximnasia de mantemento e aerobic para persoas adultas.
2.- Concesión do ximnasio municipal para a súa xestión directa por parte do Club.
3.- Adxudicación dun contrato de limpeza das instalacións por importe de 12.000€ anuais.
4.- Contratación por parte do Concello de Barreiros do persoal do Club nos meses de verán en caso de ser preciso.
Ante a negativa do goberno municipal a aceptar ditas condicións, o club anunciou o abandono das escolas deportivas e a posible disolución do Praias de Barreiros.
A alcaldesa explica que “as condicións esixidas eran claramente inxustas, abusivas e imposibles de cumprir, mesmo legalmente; supoñendo a súa aceptación un precedente que este goberno municipal non vai marcar e un xeito de actuar cruzando liñas que non estamos dispostos.”
A mandataria local explica que a oferta do Concello foi manter a axuda de 15.000€ para as actividades das escolas deportivas e incrementar a subvención ao Club, pasando dos 600€ actuais aos 2.000€, igualándoa así aos outros dous clubs de fútbol locais “que reciben 2.000€ anuais e se fan cargo das súas propias instalacións deportivas.”
Ana Ermida explica que a situación económica municipal non permite renovar un contrato de xestión do ximnasio municipal que no ultimo anos deixou un déficit de máis de 22.500€ e que xestionaba por subrogación o mesmo Club.
Desde o goberno municipal aclaran que a xestión do ximnasio e a prestación de actividades das escolas deportivas “son absolutamente independentes” e a vinculación que poida facer o Club como un xeito de financiar os gastos non pode ser condición para o mantemento dese gasto con cargo ás arcas públicas.
A alcaldesa explica que “na actual situación económica e social ninguén entendería que se continuase con un nivel de gasto arredor dun proxecto concreto tan elevado, que nada ten que ver co que reciben outros clubs e que se estivesen medindo outros gastos municipais vitais para o Concello.”
Nese sentido, Ana Ermida, manifesta que “estamos xa traballando na alternativa de xestión para poder prestar as escolas deportivas e, mesmo o servizo do ximnasio, cun custo máis adecuado á realidade económica municipal e, polo tanto, menos lesivo para as arcas locais”.

Exit mobile version