A alcaldesa barreirense asegurou que “ante o incremento poboacional que se dá en Barreiros nos meses de verán, é preciso intensificar a coordinación en materia de seguridade e vixianza e, máis se cabe, neste verán, no que as medidas deben ser aínda máis estrictas.”
Ermida explica que “aínda que Barreiros non cumpre coas características para contar con unha Xunta Local de Seguridade, ao non contar con Policía Local, as circunstancias relativas á poboación flotante e servizos que se dan especialmente nos meses de verán, así como a existencia dun importante número de segundas residencias, provocan que sexa necesaria unha especial coordinación dos recursos municipais –nomeadamente a Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil- coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para tentar dar solución ao control das principais problemáticas que se poidan xerar en Barreiros.”
Ademais, afonda en que “a situación xerada pola crise da COVID-19 e as medidas adoptadas para o control da pandemia, requiren de actuacións a maiores das habituais que deben ser avaliadas polas partes que se verán implicadas na súa execución.”
Neste sentido, algúns dos temas que se abordaron na xuntanza convocada pola alcaldía foron os relativos ás medidas de seguridade e cumprimento das normas nas praias e espazos públicos, o control e procedemento para os supostos de aparición de verquidos de residuos ou as medidas de control no relativo ao uso de aparcamentos públicos como zonas de acampada por autocaravanas ou venda ambulante.
“Existen normativas que debe cumprir todo o mundo e que desde o Concello, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, debemos facer cumprir para que Barreiros sexa un lugar atractivo e agradable para vivir e visitar”, afirma a alcaldesa. “Por iso, tratamos de coordinar actuacións para que todas as persoas que vivan ou visiten Barreiros cumpran coas normas das que nos temos dotado colectivamente.”
Ana Ermida afirmou que “Barreiros porá en marcha mecanismos de vixianza para detectar calquera incumprimento e que se actuará de xeito contundente para atallalos, xa que deixar facer o contrario sería prexudicial para o conxunto da veciñanza que soporta cos seus impostos os custos de quen non cumpre coas normas.”
A alcaldesa agradeceu a boa predisposición e a colaboración prestada xa nestes momentos aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e, nomeadamente, ao posto da Garda Civil de Barreiros con quen o consistorio mantén “unha excelente relación de cooperación institucional no beneficio xeral das veciñas e veciños de Barreiros.”