Javier Castiñeira declara: “Se Caballero pretende poñer de exemplo a Tomé, escusa falar da crise provocada pola covid-19, porque chegou tarde a todas as xestións, apenas investiu partidas extraordinarias e votou en contra da liña de axudas a pemes e autónomos proposta polo PP para reactivar economicamente a provincia. O grupo provincial do PP ten a sensación de que o secretario xeral do PSdeG anda un pouco perdido, tentando arrouparse en gobernantes como Tomé ou o propio Sánchez, que demostran estar moi por debaixo do nivel que requiren as institucións”.
Castiñeira tamén di: “Se o señor Caballero quere tomar nota para o seu futuro, na oposición, claro, debería fixarse máis na posición tomada polo PP, que, a pesar de recibir unha inxusta moción de censura na provincia de Lugo, mantivo unha posición leal na Deputación, sendo clave para corrixir a desfeita pasada entre PSOE e BNG. Señor Caballero, o exemplo é a postura responsable que adoptou o PP da señora Candia nestes anos, que inxustamente está na oposición a pesar de ser a forza máis votada , pero aínda así queremos ser útiles e así o demostramos, despois do fracaso no mandato pasado do pacto PSOE-BNG”. Igualmente, sinala: “Exemplo é tamén a xestión dos concellos pequenos da provincia, que a pesar da falta de apoio directo da Deputación e do Goberno de España nesta crise están sacando para adiante o Lugo rural, ao que vostede renuncia visitar”.
O portavoz popular manifesta: “É posible que o único que teña que agradecerlle Caballero a Tomé é que dedicara este primeiro ano de mandato a facer oposición a Feijóo, aínda que iso significase ir en contra dos intereses de todos os lucenses; se Lugo avanzou foi grazas á importante axuda da Xunta, de modo que Lugo foi a provincia galega na que máis investiu por habitante”. Igualmente, di: “Señor Caballero, reiterámoslle o consello que prima no PP de Lugo, da señora Candia e dos 31 alcaldes populares da provincia: posición de humildade ante os nosos veciños e que os partidos estamos a disposición das necesidades das institucións e non ao contrario, como vostedes demostran a diario alí onde gobernan”
O mesmo portavoz popular reta ao socialista Gonzalo Caballero a actuar en relación coa Xunta coa mesma responsabilidade que o fixo Candia á fronte do grupo do PP na Deputación. Castiñeira di: “Ata agora non se viu nin a máis mínima disposición de Caballero para manter unha actitude así. Pode intentalo, pero dende agora mesmo, lle dicimos que, por moito que visite Lugo, non estará en condicións de vir ensinarnos como se fai política”.