Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO acusa a Xunta de aproveitar a crise da COVID-19 para privatizar servizos públicos

Compostela, 9 de xuño, 2020. O sector da Administración autonómica de CCOO acusa a Xunta de Galicia de aproveitar a crise da COVID-19 para privatizar servizos públicos. Desde o inicio da pandemia, o sindicato viña esixindo o reforzamento dos servizos de limpeza nos distintos edificios públicos, e así se fixo constar en todas as alegacións do sindicato aos protocolos de reincorporación ao traballo presencial. A Consellaría da Presidencia asumiu esta necesidade, porén, fíxoo mediante a contratación dunha empresa privada para acometer a limpeza dos xulgados galegos.

A petición de CCOO, tal como recolle un escrito rexistrado o pasado 4 de maio, concretábase no reforzamento dos servizos de limpeza dos xulgados a través das listaxes públicas de contratación temporal, ao abeiro do estipulado no capítulo iv, artigo sétimo, do Convenio Único da Xunta de Galicia.

As persoas que forman parte destas listaxes tiveron que aboar unha taxa para se inscribiren nelas e a maioría xa conta con experiencia e formación para o desenvolvemento do seu traballo. Ademais, estes chamamentos tamén incrementan as súas posibilidades de optar a un posto de traballo estable na Administración.

Esta mesma petición de reforzamento dos servizos de limpeza tamén a fixo CCOO para as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia; para os arquivos, bibliotecas e museos; para os edificios administrativos e para o resto de centros e dependencias da Xunta de Galicia. En opinión do sindicato, a adopción de medidas de reforzamento da limpeza e a desinfección son «especialmente importantes para salvagardar a saúde dos traballadores e traballadoras, así como das persoas usuarias».

Porén, no canto de acudir a estas listaxes públicas, a Consellaría da Presidencia decidiu contratar a empresa Clece, que pertence ao Grupo ACS —do empresario Florentino Pérez—, amais de modificar e ampliar os contratos con outras entidades privadas que prestan este tipo de servizos.

A primeira fase desta privatización implicará a contratación de cincuenta persoas de Clece para reforzar a limpeza dos xulgados de Galicia. CCOO oponse a esta privatización e defende a mellora do servizos público. Tamén advirte que representará un maior custo para as arcas públicas, ao tempo que para a empresa serán cuantiosos beneficios «á custa de peores condicións laborais». Así mesmo, o sindicato lembra que a categoría de limpador ou limpadora existe nas listaxes da Xunta e que é unha «burla» ás persoas que pagaron unha taxa para estaren incluídas nelas.

Por todo isto, CCOO esixe que se deixe sen efecto a concesión deste servizo a Clece e que, en cambio, a Xunta contrate cincuenta prazas de limpador ou limpadora a través das listaxes públicas, ben sexa mediante un contrato de acumulación de tarefas ou reforzando aqueles outros postos de limpeza con contratos permanentes e estruturais.

Exit mobile version