Conde salientou a importancia de apostar pola xuventude e por facer políticas que favorezan a súa presenza no rural. Neste sentido, avogou por seguir desenvolvendo desde a Xunta iniciativas formativas e laborais, así como de emprendemento, como é o caso do coworking da Ribeira Sacra que está permitindo iniciar e consolidar proxectos empresariais de futuro na comarca.
O Goberno de Galicia, liderado por Alberto Núñez Feijóo, puxo en marcha en marzo deste ano a quinta edición desta iniciativa con 17 emprendedores inscritos. Os participantes reciben así asesoramento e apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. O programa desta edición abarca diversos sectores produtivos: enerxías renovables, turismo sostible, agroalimentación e ocio especializado.
Este espazo Coworking, instalado en Expolemos, ofrece asesoramento durante 5 meses. Malia que está concebido para emprendores que aínda non formaron a súa empresa, tamén participan persoas que están nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.
TRES NA PROVINCIA
Este ano son tres os coworking que se desenvolven na provincia de Lugo, xa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria reforzou para 2020 a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novas aceleradoras en toda a Comunidade; unha delas en Palas de Rei. Este novo espazo promoverá actividades relacionadas co Camiño de Santiago para fomentar as iniciativas empresariais na ruta xacobea, e súmase aos iniciados en Monforte e Mondoñedo.
A través das catro convocatorias anteriores levan apoiado as iniciativas de 187 emprendedores e a creación e consolidación de 85 novas empresas. Os espazos coworking forman parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.
PROXECTOS ÚTILES
Francisco Conde amosou así o compromiso do PPdeG de seguir traballando desde a planificación e o consenso para levar a cabo proxectos útiles e con futuro para Monforte de Lemos e toda a provincia de Lugo. “Unha xestión, dixo, responsable e con experiencia fronte ao experimento no que se vería inmersa Galicia cunha amalgama de partidos no Goberno galego”.