Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega destaca o avance nos traballos de mellora da estación de autobuses nos que a Xunta inviste máis de 140.000 euros

 Ribadeo, a 3 de xuño de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca o avance nos traballos de mellora da estación de autobuses nos que a Xunta de Galicia inviste 140.400 euros. O popular, acompañado da vicevoceira, Elena Sierra, visitaron estas instalacións nas que se leva a cabo o acondicionamento tanto da estrutura interior, como da exterior.

“Estivemos vendo como xa se iniciaron os traballos de mellora. Esta infraestrutura é a porta de entrada da nosa vila e debía ser mellorada. Por iso, agradecemos a colaboración do Goberno galego, que se traduce nunha renovación considerable da nosa estación de autobuses”, sinala o tamén deputado autonómico.

Concretamente, o proxecto inclúe a renovación da cuberta da dársena, substituíndo o canalón existente; a substitución da rede eléctrica; a colocación de pantallas informativas e de novo mobiliario no interior; a mellora dos falsos teitos; a reparación e cambio de elementos de carpinteiría; e a instalación de novo material sanitario, entre outras actuacións.

“Seguimos sumando e seguimos traballando para traer investimentos ao noso pobo. Mellorar a estación era unha necesidade. Por iso, é tan importante a colaboración institucional á que sempre apelamos e defendemos dende o Partido Popular”, conclúe Vega.

Exit mobile version