Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar celebrou con éxito as súas primeiras Xornadas Técnicas a distancia

 Burela, 25 de xuño, 2020. Durante a mañá deste xoves 25 de xuño celebráronse as XXVII Xornadas Técnicas de Expomar, as primeiras non presenciais nos seus xa 27 anos de historia e que se emitiron en aberto a través de vídeoconferencia na plataforma “IESIDE sen muros” de Afundación Abanca.
Baixo o título “A Pesca, un sector esencial; e agora, que?”, esta primeira edición non presencial das Xornadas analizou a situación pesqueira actual desde distintos puntos de vista, tendo en conta o impacto do COVID-19 e o BREXIT nun sector esencial como a pesca, así como as principais repercusións sociais e económicas esperadas para os próximos meses.
O foro abriuse coa presentación do Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, que destacou a importancia do mar para a Fundación Expomar e para Burela, que é un exemplo do bo facer na pesca. E finalmente convidou a todos os asistentes á próxima edición da Feira Expomar, que terá lugar en Burela o próximo mes de maio 2021.
A continuación interveu a Secretaria Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villaoriz, que recoñeceu como durante a crise do COVID a pesca rebelouse como un dos sectores esenciais para a economía, imprescindible como garante da seguridade alimentaria do país; e como tal debera recibir a atención que lle corresponde.
Durante a Xornada, a Directora Xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, centrouse nos efectos do COVID-19 no sector pesqueiro, presentando o programa AVANTEMAR: un plan elaborado pola Xunta de Galicia para a reactivación e dinamización no sector marítimo-pesqueiro.
Pola súa banda, o Presidente da European Fisheries Alliance (EUFA), Gerard van Balsfoort, centrouse nas consecuencias do Brexit no sector da pesca, tanto para o ámbito comercial como para a frota española e galega que pesca en augas británicas, con especial fincapé na situación actual e o cambio do calendario das negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido.
Finalmente o Secretario Xeral de CEPESCA e Presidente de EUROPECHE, Javier Garat, agradeceu o papel dos pescadores durante a crise do Covid-19, que a pesar de todas as dificultades permitiron que os alimentos do mar seguisen chegando ata os consumidores españois. E destacou o esforzo das organizacións pesqueiras e sobre todo das empresas do sector, que son as que sufriron directamente o impacto da situación.
O Director de Abanca Mar, Javier Fraga, actuou como moderador das xornadas, dando paso a cada un dos relatores e tamén ás preguntas que lles facían chegar a través do chat os asistentes ao acto. Desvelou a relevancia fundamental que tivo A Mariña Lucense para a creación no seu día da división do Mar dentro de Abanca, debido á importancia das empresas do sector no movemento económico da zona.
A clausura das Xornadas Técnicas 2020 correu a cargo da Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, quen destacou o papel dos portos e lonxas da Mariña Lucense, que desde o inicio do estado de alarma chegaron a fornecer o 30% do volume total de peixe fresco de Galicia. Tamén se acordou da frota de Gran Sol, á que hai que defender nun momento clave como son as negociacións do Brexit.
Respecto ao plan galego “AVANTEMAR”, destacou que está dotado de 77 millóns de euros repartidos en cinco liñas, destacando os 8 millóns de fondos propios que achega a Xunta de Galicia para axudar aos que non pararon durante o período de alarma. Estas axudas son para paliar a difícil situación do sector pesqueiro.
A Conselleira apelou á unión de todos os segmentos: o sector, a administración e os consumidores; porque só así lograremos impulsar o noso produto, nun momento de tanta inestabilidade na demanda e de caída de prezos como o actual.
Finalmente felicitou á Fundación Expomar e desexou éxitos nos próximos anos das Xornadas Técnicas, nas que seguirá debatándose sobre os problemas da pesca e participando na solución xunto ás administracións.
Na mañá do venres celebrarase, tamén por primeira vez de forma non presencial, o XXI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.
A reunión dos representantes da frota terá lugar entre as 10:00h e as 13:30h por videoconferencia. Ao finalizar o evento, como cada ano presentaranse as conclusións aos medios de comunicación en torno ás 14:00h, momento no que se farán públicas.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version