Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar celebrou o seu primeiro encontro empresarial online

 Burela, 26 de xuño, 2020. Na mañá do venres 26 de xuño celebrouse o XXI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional, e que por vez primeira tivo lugar de forma non presencial.

O Encontro, no que participaron representantes de 24 organizacións pesqueiras de ámbito autonómico, nacional e europeo, celebrouse entre as 10:00h e as 14:30h por videoconferencia. Ademais de poñer en valor a importancia da pesca como sector estratéxico e esencial na economía, que mantivo a súa actividade sen descanso durante o período de alarma sanitaria; o resultado desta edición resúmese en 19 puntos concretos, que se agrupan en 5 bloques de demandas principais: axudas para a recuperación económica, posta en valor do ámbito socio-laboral da pesca, xestión de políticas pesqueiras, campañas de promoción do consumo de peixe e as estratexias europeas para o futuro do sector pesqueiro.

A próxima edición do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras celebrarase en Burela en maio de 2021, coincidindo coa celebración da XIX Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal. A Fundación Expomar amósase moi satisfeita tra-los eventos deste año, que, pese a celebrarse de forma non presencial, gozaron dun nivel de participación moi alto e unha vez máis serviron como foro de debate dos principais problemas do sector.

Exit mobile version