Isabel Rodríguez subliñou que o Goberno ten un compromiso decidido na loita contra os incendios forestais e a conservación do medio ambiente, proba disto é a colaboración que presta á Xunta de Galicia no dispositivo que se despregará este verán en todo o territorio da provincia e o resto da Comunidade Autónoma para loitar contra o lume e o traballo constante que fan as forzas de seguridade do Estado na persecución deste tipo de atentados contra o medio ambiente..
A subdelegada indicou que o dispositivo para a campaña contra os incendios deste verán en Galicia contará con medios e persoal dos ministerios do Interior, Defensa e Transición Ecolóxica. En total son máis de 500 persoas e dez medios aéreos que o Goberno pon a disposición da Xunta para combater os incendios forestais.
A campaña de verán supón un reforzo da actividade que durante todo o ano levan a cabo as forzas e corpos de seguridade do Estado para protexer o medio ambiente. Neste sentido, a subdelegada informou de que desde o mes de xaneiro, a Garda Civil e a Policía Nacional detiveron ou investigaron 4 persoas por delitos de incendios. En 2019 foron 26 as persoas detidas ou investigadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado por incendios e delitos contra o medio ambiente na provincia de Lugo.