Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo xunto aos de Castropol e Vegadeo simbolizaron este domingo o encontro entre Galicia e Asturias, despois de moitas semanas sen poder cruzar dunha zona cara a outra

 Ribadeo, 21 de xuño de 2020. O alcalde de Ribadeo xunto aos seus homólogos dos municipios asturianos de Castropol e Vegadeo simbolizaron esta mañá o encontro entre Galicia e Asturias, despois de moitas semanas sen poder cruzar dunha zona cara a outra. O rexedor plasmou o momento nas súas redes sociais.
Fernando Suárez dixo que “agora, hai poucos minutos, cos meus colegas Francisco Javier Vinjoy, de Castropol, e César Álvarez, da Veiga (Vegadeo), no medio da Ponte dos Santos e no medio da Ponte de Porto, respectivamente. Os dous puntos onde Galiza e Asturias se encontran nestes tres Concellos. Simbolizando, neste primeiro domingo de verán, o reencontro logo de tantas semanas sen poder vernos entre os de acó e mais os de aló”.
O alcalde ribadense subliñou que “agora xa por fin os de Ribadeo e da Mariña xa podemos ir ao Occidente e viceversa”, despois de que esta pasada noite rematase o estado de alarma decretado tras a aparición do Covid-19.
Suárez Barcia amosouse moi contento, pero fixo unha chamada á precaución: “con todo, sigamos mantendo todas as precaucións e actuemos con xeito, non vaia ser o demo que nos teñamos que volver separar. Coidemos que non. Saúde e bo domingo a tod@s. Seguimos!”.

Exit mobile version