Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde, Fernando Suárez, agarda que na Fase III da desescalada se permitan desprazamentos entre Ribadeo e o Occidente asturiano e viceversa

 Ribadeo, 4 de xuño de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que na Fase III da desescalada se permitan desprazamentos entre Ribadeo e o Occidente asturiano e viceversa. O rexedor dixo que aínda que todas as partes están de acordo non se acaban de dar pasos en firme para que isto sexa así.
Suárez Barcia contou que “recibimos resposta ás nosas propostas formais elevadas aos presidentes da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias respectivamente, sobre as posibilidades de autorización da mobilidade bidireccional de Ribadeo cara aos concellos do Occidente asturiano e viceversa, de acordo con todos os principios que enumeramos no seu momento de tradición, de lazos históricos, de lazos humanos, sociais, comerciais, económicos, etc…, ou mesmo de saúde, dado que as taxas de contaxios son baixísimas nos dous territorios e porque ademais, de feito, atopámonos na mesma fase de desescalada”.
O alcalde explicou que “a resposta do presidente da Xunta foi que isto xa foi trasladado na conferencia de presidentes e que era interesante de cara á Fase 3, e que a súa vontade é a de facilitar esta mobilidade que se plantexa desde Ribadeo, polo que agarda que o goberno do Estado se pronuncie. Pola súa banda por parte do goberno do Estado, a través do Secretario Xeral de Sanidade, ademais de recoñecer a gratitude a todos os veciños do concello pola actitude de resposta fronte ao Covid e tamén ao equipo de goberno do Concello de Ribadeo polo traballo realizado durante este tempo, indica que na orde do Estado prevé que as Comunidades Autónomas poidan trasladar ao Ministerio de Sanidade propostas específicas de desescalada nos seus territorios así como plantexar algunha actividade non contemplada inicialmente”.
O rexedor dixo que “podemos dicir como conclusión que todo o mundo está de acordo ou que o ve con bos ollos, pero aínda non se dan os pasos firmes neste sentido. Polo tanto desde o Concello de Ribadeo confiamos en que o paso á Fase III que se poida dar nos próximos días, poida ter en conta esta nosa xusta petición que está feita coa cabeza, co corazón e con enorme sentidiño. Non é permitir a mobilidade total cando aínda non se pode facer, e estamos de acordo todos niso, senón que a esta comarca natural, tantas veces mentada, lle sexa permitido un movemento natural entre as súas xentes dunha banda ou doutra da ría. Para iso ten que ser pedido formalmente, nosoutros xa o temos feito, agora toca que o fagan formalmente tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Principado. É dicir, como din os vellos popularmente, se queren poden”.

Exit mobile version