O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, explicou que “o barco museo Reina del Carmen é un dos grandes atractivos turísticos cos que contamos en Burela e ten que estar en perfectas condicións agora que estamos a piques de iniciar a tempada estival”.
O edil burelés dixo que “trátase de tarefas de mantemento, pintado do casco, e vanse cambiar os zincs, que son para evitar que a corrente estática lle afecte ao propio casco do barco”.
O Reina del Carmen foi reaberto a mediados do presente mes de xuño, tras o confinamento ocasionado polo Covid-19.
Fernández Rey lembrou que “a partir do 1 de xullo xa empezaremos co horario de verán, que vai comprender de martes a domingo e o único día que vai estar pechado será os luns para darlle descanso ao persoal. O horario de visitas será ás once, ás doce e á unha polas mañás, e ás cinco, ás seis e ás sete polas tardes”.
As medidas de seguridade estarán moi presentes durante o verán: “baixamos a dez o número de persoas que poidan participar en cada visita, cando antes eran 25. Evidentemente, como dentro do barco non se pode gardar a distancia de seguridade recomendada de dous metros, pedímoslle á xente que use mascarilla. Ademais contamos con xeles hidroalcohólicos para todos os visitantes co obxectivo de que poidan facer a visita con seguridade. Tamén reducimos un pouco o tempo das visitas, que viñan durando sobre unha hora, para facer unha limpeza das varandas e de todos os elementos que poidan ser tocados polos visitantes”.
O concelleiro de Turismo anima “a achegarse a Burela e a gozar dun dos seus maiores atractivos turísticos, que é o barco museo Reina del Carmen”.