“Non se trata dunha moción máis para facer un “suposto carril-bici” e deixalo aí, trátase de facer toda unha rede ciclista, de cambiar o rol da bicicleta en Viveiro por completo dándolle a máxima das prioridades,” asegura Bermúdez, “nunca se presentou en Viveiro proposta parecida”.
A moción do BNG inclúe os seguintes puntos:
.Creación de ciclorúas, limitando as zonas urbanas do Concello a 30km/h, sinalando claramente a preferencia ciclista coa obrigatoriedade de circular polo centro do carril. Esta medida de circular polo centro do carril está comprobado que aumenta drásticamente a seguridade dos ciclistas convertíndoo nun vehículo máis con plenos dereitos e preferencias, fainos máis visíbeis, fai que os vehículos que os adiantan respecten mellor as distancias, evíta accidentes contra vehículos aparcados que abren a porta ou saen do estacionamento, etc.
.Dotar de aparcabicicletas os lugares públicos e de gran afluencia do concello, visíbeis, iluminados e que permitan atar a bicicleta ao cadro da mesma. Posíbeis ubicacións: centro de saúde, inicio avenida de cervantes, avenida de Ferrol, paseo marítimo, zonas escolares, praias… Os actuais aparcabicis só permiten candar a roda facilitando moito o seu roubo.
.Permitir amarrar libremente as bicicletas e patíns en farolas e árbores sempre e cando non se dificulte a mobilidade peonil.
.Pintar zonas avanzadas de espera para ciclistas nos semáforos do concello. Estes espazos permitirían aos ciclistas situarse diante dos vehículos detidos nos semáforos en vermello.
.Crear unha comisión de seguemento e estudo co fin de seguir ampliando os viais de preferencia ciclista e creación de carrisbici ao longo de todo o concello. Permitirase a participación aos membros das asociacións interesadas (veciñais, deportivas…) do municipio así como a cada grupo politico.
Míriam Bermúdez destaca que “no BNG estamos á escoita de quen queira facer as súas aportacións para engadir a esta moción”, e afirma que poden contactar coa formación nacionalista polo medio que máis lle conveñan, como pode ser a través das redes sociais do BNG, escribíndo un correo electrónico a b.n.g.viveiro@gmail.com ou contactando con calquer membro da formación nacionalista.