Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defenderá a nacionalización de Alcoa no vindeiro pleno da Deputación

 Lugo, 18 de xuño de 2020. O grupo provincial do BNG presentará no vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha moción para reclamar aos gobernos do Estado e da Xunta a nacionalización de Alcoa. Os nacionalistas consideran que, despois de que a multinacional estadounidense confirmase o Ere que afectará un milleiro de traballadores e traballadoras do complexo industrial, a intervención pública é a única vía para garantir os empregos e o futuro da produción de aluminio na comarca.
O BNG mantén que a nacionalización é unha cuestión de “vontade política” xa que, argumentan, é unha fórmula amparada polos marcos normativos galego, español e europeo e avalada por decisións de países como Francia ou Alemaña.
O voceiro do grupo provincial, Efrén Castro, sinalou que “vistas as manobras e as manifestacións da empresa queda claro que a única salida que garante a continuidade dos empregos e da produción de aluminio na comarca é a nacionalización da multinacional”. O deputado nacionalista urxiu aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza “a actuaren xa para non deixar morrer a factoría” e poñer tamén así fin “ás ameazas sobre o emprego que a multinacional utiliza de forma recorrente”.
A moción, que se debaterá no pleno previsto para o 30 de xuño, tamén reclama a creación dunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da enerxía eléctrica en Galiza, tanto para a industria electrointensiva como para o resto do tecido produtivo e para as familias.
Ademais, insta ao goberno do Estado a aprobar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que estableza mecanismos que estabilicen o prezo da enerxía e que, recordan os nacionalistas, “foi comprometido por Madrid hai xa dous anos e aínda segue pendente”.

Exit mobile version