Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia ante a Xunta electoral a TVG por utilizar só “imaxes cunha voz en off” as informacións da candidata nacionalista á presidencia da Xunta, Ana Pontón

Santiago, 19 de xuño , 2020. A deputada e candidata do BNG, pola provincia de Pontevedra, Montse Prado, anunciou hoxe na sesión plenaria, celebrada no Parlamento galego, que o “O BNG denunciará a TVG polo silencio ao que somete á candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón”. O Partido popular, explicou, tenta anular ao contrario e para iso non dúbida en “quitarlle a voz” a portavoz nacional do BNG e candidata á Xunta de Galiza, Ana Pontón. Durante días, explicou Prado, observamos a escasa información do BNG, con imaxes e unha “voz en Off” mentres son emitidos os totais completos das outras forzas políticas.

Para a nacionalista, o control do Partido popular sobre os medios públicos galegos e a súa conversión “nunha terminal de propaganda do PP” quedou de manifestou ao longo destes once anos, pero agora acentúase “até a náusea” cando en plena pandemia da COVID-19 todos os galegos e galegas que pagamos a CRTVG tivemos que soportar más de “40 comparecencias televisadas de Feixóo” convertidas en “40 mitins encubertos” en horario de máxima audiencia e superando 40 horas de pantalla con máis de 2.400 minutos. “Nin franco saía tanto no NO-DO como Feixóo na TVG”.

Neste sentido, cualificou de “inaceptable” o uso do Partido popular dos medios públicos galegos e a práctica do PP “quitándolle a voz a candidata do BNG”, proceder que ao seu xuízo, responde ao medre continuo do Bloque Nacionalista galego, que o Partido popular quere impedir.

O PP non quere intervir no conflito de Noa Maderas

Tras enviar unha mensaxe de apoio aos familiares das persoas falecidas en Galiza pola COCID-19, Montse Prado aludiu a que a crise sanitaria veu acompañada dunha grande crise económica con graves consecuencias como a perda dos postos de traballo na empresa Noa Maderas que levou ao BNG a solicitar a comparecencia do conselleiro de Industria para explicar as medidas da Xunta ante este conflito. O Partido popular impediu esta comparecencia ao igual que a do Presidente da Xunta para dar conta da situación da CRTVG. O PP, aseverou Prado, utiliza a súa maioría como “unha trituradora” para demorar as comparecencias e impedir que as forzas políticas galegas desenvolvan o seu labor de control ao goberno. O parlamento, explicou, leva disolto catro meses , “unha anomalía democrática que o Partido popular usa para amordazar calquera postura discordante co seu relato oficial”.

Noa Maderas, explicou Prado, é unha empresa ubicada en Fene dedicada a montaxe de tendas con 200 traballadores das que 66 xa foron despedidas, “unha empresa viable absorvida por outra co fin de facer canibalismo empresarial para eliminar á competencia e facerse coa súa carteira de clientes”. Ante esta situación, o goberno galego non reacciona e “descoñecemos que está a facer o conselleiro de Industria”, alegou Prado.

A nacionalista remarcou que “sobran as razóns para que o conselleiro de Industria e o presidente da Xunta compareceran no Parlamento” e lamentou que o portavoz do PP, Pedro Puiy non anunciara ningunha alternativa para os traballadores e traballadoras de Noa Maderas que hoxe mesmo se concentrarán novamente na cidade da Coruña para reclamar unha solución.

Exit mobile version