Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz leva á comisión de asuntos preparatorios do pleno deste xoves o incremento das axudas de emerxencia

 Foz, 17 de xuño de 2020. O Concello de Foz continúa traballando en medidas económicas e fiscais para aliviar os efectos da crise económica asociada á pandemia do COVID – 19 e leva á Comisión de Asuntos Preparatorios do pleno deste xoves o incremento das axudas de emerxencia.
A tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Inés López, explica que “despois das medidas económicas que o Concello de Foz implementou a finais de abril coa supresión das taxas a terrazas e recollida de lixo durante o Estado de Alarma, así como o retraso no cobro de impostos de vehículos, do IBI e do IAE, continúa a traballar en alternativas que contribúan a aliviar ás clases máis desfavorecidas no noso concello. Neste sentido, unha vez analizada a demanda e as necesidades das persoas en risco de exclusión social, o Concello de Foz leva á Comisión de Asuntos Preparatorios do Pleno deste xoves, día 18 de xuño, a modificación da ordenanza reguladora de axudas a familias do Concello de Foz con escasos recursos”.
Inés López engade que “a medida pódese resumir no incremento das axudas que permite actualmente a ordenanza, que son dun máximo de 600 euros por ano e unidade familiar. Coa modificación da ordenanza o límite máximo da achega durante os anos 2020 e 2021 ampliarase aos 1.000 euros anuais por unidade familiar. Cremos moi necesario apoiar a aqueles que o están a pasar peor con esta crise, que contan con escasos recursos para pagar gastos básicos como facturas da luz ou o aluguer das súas vivendas. Esta nova medida encádrase dentro do Plan Económico e Fiscal fronte ao COVID-19 que o Concello de Foz leva desenvolvendo desde o decreto do Estado de Alarma”.
A concelleira de Facenda anuncia tamén que “esta nova medida non será a última. Nese sentido estamos traballando no novo Plan de Emprego Municipal, o cal vese máis necesario ca nunca en plena crise industrial na nosa comarca”.

Exit mobile version