Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro apoia a manifestación deste domingo en apoio dos traballadores e traballadoras de Alcoa e anima á veciñanza a participar

 Viveiro, 5 de xuño de 2020. O Concello de Viveiro quere manifestar o seu apoio á mobilización que este domingo, 7 de xuño, terá lugar en Viveiro, partindo ás 11:30 horas da Cruz Vermella, en apoio dos traballadores e traballadoras de Alcoa e das auxiliares.
Ademais, o concello fai un chamamento para animar a todos os veciños e veciñas de Viveiro e da comarca da Mariña a sumarse a esta protesta co propósito de garantir a súa continuidade e o emprego.

“Consideramos que o domingo todos e todas debemos saír de novo a rúa para defender o futuro de Alcoa e das empresas auxiliares. O pasado 3 de novembro, Viveiro xa acolleu unha manifestación na que destacou a elevada participación; agardamos que nesta ocasión, a resposta da cidadanía tamén sexa masiva e que as rúas de Viveiro sirvan de exemplo do sentir popular, pois o futuro de Alcoa preocupa e afecta a todos e todas”, sostén a alcaldesa, María Loureiro.

O concello realiza un chamamento para que todas as administracións competentes realicen cantas accións sexan posibles para solucionar este problema porque “Alcoa, que é o eixe esencial do tecido económico da zona, non pode pechar”.
Na fábrica traballan unhas 2.000 persoas, entre persoal da propia factoría e das empresas auxiliares, e dá emprego de forma indirecta a varios miles de persoas máis, polo que é imprescindible contar cun plan de viabilidade a longo prazo cun marco estable, esixindo á multinacional o cumprimento dos seus compromisos.

O seu impacto económico na comarca é esencial e, polo tanto, require da implicación de todas as administracións para garantir a súa permanencia.

Alcoa non se pecha!

Exit mobile version