Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello reclamoulle de novo ao Ministerio de Fomento a eliminación dun vertido ilegal de residuos situado a carón da A-8 ao seu paso por Ribadeo

 Ribadeo, 13 de xuño de 2020. O Concello reclamoulle de novo ao Ministerio de Fomento a eliminación dun vertido ilegal de residuos situado a carón da A-8 ao seu paso por Ribadeo. A primeira vez foi en xaneiro e a segunda cinco meses despois, “xa que o lugar segue nas mesmas condicións, sendo innumerables as queixas que se están a recibir por parte dos nosos veciños”. Así figura no último escrito enviado desde a Área de Medio Ambiente á Unidade de Estradas do Estado en Lugo.
O edil Jorge Díaz Freije referiuse ao vertedoiro incontrolado que se atopa ao pé da A-8 en terreos do Ministerio de Fomento: “o Concello xa o puxo no seu coñecemento o pasado mes de xaneiro e volvemos enviar a información hai uns días de novo e agardamos que fagan as xestións oportunas para proceder á súa retirada”.
O concelleiro de Medio Ambiente aludiu aos comentarios realizados desde o PP: “están na dinámica de sempre, na tendencia de preguntar e responder na mesma frase. É unha actitude que vimos detectando desde que se iniciou este mandato e non nos sorprende nada”.
Jorge Díaz dixo que “se seguen así dedicaranse ao xornalismo, porque igual que preguntan xa responden”.
E insistiu en que “a xestión para a eliminación dese vertedoiro está feita. Haberá algo que se nos poida escapar como a todo o mundo, pero dicirlle que a xestión está feita”.

Exit mobile version