A mediados de agosto de 2018, a prensa deu conta de que dende días atrás estaba pechado o único aceso por terra á praia de Sacido. E a cousa non mellorou nos meses seguintes, porque o propio PP, ao final do pasado mandato municipal, en abril, presentou unha pregunta no Concello na que se interesaba por coñecer se o goberno municipal tiña constancia de que o acceso á praia de Sacido levaba pechado dende o verán do 2018; quería saber tamén se o equipo de goberno tiña algunha previsión para facer as reparacións necesarias e, de ser así, cando pensaba facelas.
Os membros do actual grupo municipal popular de Viveiro, que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, comprobaron que, xa case na temporada de verán, o acceso á praia de Sacido segue pechado. Din que non se pode saber realmente a que se debe, porque se houbo desprendementos de terra ou danos na escaleira, non se aprecian a primeira vista porque a zona está cuberta pola maleza.
Óscar Rodríguez insta á alcaldesa a adoptar as medidas necesarias para, ben directamente ben mediante as xestións ante quen sexa preciso, se leven a cabo as obras de reparación e o acceso quede aberto. En opinión de Óscar Rodríguez, “o desinterese que demostra a alcaldesa polas praias é inaudito; agora que teriamos que estar poñendo todo a punto para atraer visitantes, está instalada na inacción total”.