Site icon Crónica3.com A Mariña

Olalla Rodil di que “é urxente, necesario e legal” nacionalizar Alcoa ante o Ere anunciado este mércores pola empresa estadounidense

 Lugo, 17 de xuño de 2020. Despois de que esta mesma mañá Alcoa confirmase ao Comité de Empresa que o vindeiro 25 de xuño iniciará formalmente o Ere anunciado, que afectará un milleiro de empregos, a candidata do BNG ao Parlamento galego por Lugo, Olalla Rodil, urxiu ao goberno do PP na Xunta e ao do PSOE e Podemos en Madrid a “aclarar xa se vai haber unha intervención pública para evitar o peche da factoría de aluminio e a destrución dun milleiro de postos de traballo ou se van permitir que se poña en xaque o futuro dunha comarca e siga avanzando o proceso de desmantelamento industrial de Galiza”.
Rodil reiterou a posición do BNG, a única forza política que apostou desde o inicio pola nacionalización da factoría de aluminio. “É urxente, necesario e legal nacionalizar a fábrica e garantir non só o mantemento dos postos de traballo se non que se siga producindo aluminio primario no noso país”.
“Ás portas dunha crise económica sen precedentes como a que vai vir despois da crise sanitaria da Covid-19 non nos podemos permitir que en Galiza se destrúa nin un só posto de traballo nin peche nin unha soa industria nin polo prezo da enerxía nin polas ameazas dunha multinacional”, sentenciou a candidata nacionalista.
A semana pasada, o deputado do BNG Néstor Rego presentou no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei que pide a intervención de Alcoa e o seu retorno ao ámbito público, salientando que se trata dunha solución posible dentro do marco normativo galego, estatal e europeo.
O pasado 30 de maio, o BNG instara ao goberno español á derrogación urxente da reforma laboral para salvar os postos de traballo en Alcoa xa que é ese marco normativo o que permite que as empresas poidan presentar Expedientes de Regulación de Emprego sen negociar cos representantes dos traballadores e traballadoras e sen aprobación administrativa por part da autoridade laboral.

Exit mobile version