“Monforte precisa do GALTREN, un ente público galego que impulse o transporte de proximidade na Galiza”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “RENFE continúa a maltratar a estación de Monforte ao non recuperar todos os servizos despois do estado de Alarma, a solución a isto pasa por xestionar nós os nosos recursos”.
”Vertebrar as comunicacións do noso territorio e garantir o acceso de toda a poboación aos servizos públicos son dúas das medidas máis necesarias para poñer freo ao despoboamento do rural”, declarou Olalla Rodil.
Olalla Rodil pediu á veciñanza de Monforte “que confíen no proxecto do BNG para facer unha nova Galiza a partir do 12 de xullo con Ana Pontón como presidenta”.
O deputado do BNG no Parlamento do Estado, Néstor Rego, puxo o foco na necesidade dunha Tarifa Eléctrica Galega. Segundo Rego, non é normal que sexamos un dos territorios onde se produce unha grande parte da enerxía que se consume no conxunto do estado e teñamos unha das facturas eléctricas máis altas de Europa”. “As galegas e galegos non podemos pagar a luz máis cara que en Madrid malia ser nós quen xeramos esa enerxía”, declarou Néstor Rego.
“Un presidente da Xunta de Galiza que mira cara a Madrid só trae deterioro da calidade de vida das galegas e galegos”, afirmou Néstor Rego, que engadiu “este 12 de xullo non só temos que cambiar o nome do presidente da Xunta, temos que apostar por un proxecto que mude as políticas que se aplicaron estes últimos 11 anos, e ese é o proxecto político que garante o BNG”.