Site icon Crónica3.com A Mariña

Os senadores populares presentan unha batería de preguntas para coñecer as previsións do Goberno sobre a realización de tests e entrega de EPIs aos corpos das forzas de seguridade da provincia

 Lugo, a 17 de xuño de 2020. Os senadores por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela veñen de presentar unha ampla batería de preguntas para coñecer as previsións do Goberno sobre a realización de test e dotar de EPIs aos distintos corpos das forzas de seguridade da provincia. Os populares levan este asunto á Cámara Alta co fin de que o Executivo dea explicacións dos sistemas de seguridade realizados e entregados a uns efectivos que, durante a pandemia, explican, “tamén foron esenciais”.

Os populares demandan así que o Executivo detalle a estratexia levada a cabo a este respecto, pois outras administracións como a Xunta de Galicia anunciaron que realizarán test rápidos aos máis de oito mil policías nacionais e gardas civís que están destinados na comunidade, adiantando que trasladarán a mesma proposta á Federación Galega de Municipios e Provinciais (FEGAMP) para ofrecer os mesmos test a todos os axentes das policías locais de Galicia.

“Cremos necesario que o Goberno se posicione sobre este asunto. Estes profesionais non só estiveron e están expostos todos os días, senón que están a facer un labor moi importante no control do Covid-19. Por iso, as nosas peticións son moi concretas. Queremos que se nos aclare que foi o que se fixo para preservar a súa saúde durante todos estes meses”, remarcan.

As preguntas, ao detalle
Os representantes lucenses pedirán, por tanto, que se detalle en cantos municipios a Subdelegación do Goberno repartiron máscaras, así como o número total; cantos sistemas de protección foron entregados ás comisarías de policía nacional de Lugo, Monforte e Viveiro, así como ás comandancias da Garda Civil e ás 155 unidades repartidas pola provincia; aos xulgados e a todas as sedes xudiciais, tanto de Primeira Instancia, como os de Instrución, do Social, do Contencioso-Administrativo, do Penal, de Vixilancia Penitenciaria, de Menores; e aos centros penitenciarios de Bonxe e de Monterroso. Os populares formularán as mesmas preguntas no caso dos test realizados.

Exit mobile version