Otero remarcou “a aposta do PSdeG-PSOE para acadar un gran acordo de reconstrución de Galicia en cuxa elaboración participen os partidos políticos, os axentes sociais e as principais institucións provinciais e municipais de Galicia. Todos somos necesarios, aquí non sobra ninguén, trátase de sacar adiante este pais e ninguén pode quedar atrás”, dixo.
A dirixente socialista sinalou que “Galicia e a provincia de Lugo deben estar por riba dos intereses partidistas. Por iso é preciso este gran acordo para establecer os alicerces da reconstrución en Galicia, unha saída da crise que o PSdeG centrará na defensa do público”.
“Fai falla un goberno ao servizo dos galegos e das galegas, comprometido co benestar, os servizos sociais, o emprego e a industria e tamén coa vertebración territorial, e por suposto co noso sector primario vital na provincia,” apuntou.
Otero advertiu que Feijóo “xa non serve como interlocutor diante dos colectivos sindicais, durante estes anos houbo unha ausencia palmaria de diálogo cos colectivos sindicais, e prefire estar na confrontación antes que solucionar os problemas. Por iso o 12 de xullo debemos mudar esta estratexia cun Presidente progresista na Xunta de Galicia”.
Medidas postas en marcha
A cabeza de lista tamén aludiu as medidas do goberno de Pedro Sánchez para contribuír a saír desta crise á clase traballadora. “Ampliamos a cobertura da prestación por desemprego aos traballadores e traballadoras despedidos durante o período de proba dun novo traballo. Reforzamos a protección dos traballadores fixos discontinuos e amplíase a cobertura aos traballadores que non poidan reincorporarse á súa actividade nas datas previstas como consecuencia do COVID-19. Reforzamos os mecanismos de control e sanción para evitar comportamentos fraudulentos na percepción das prestacións. Impulsamos unha redución de cotizacións para determinados traballadores agrarios durante os períodos de inactividade en 2020 e simplificamos o procedemento para o adiamento de débeda da Seguridade Social. Incrementamos o ámbito de aplicación dos ERTEs por causa de forza maior. Prorrogamos dous meses a preminencia do traballo a distancia. Aprobamos un subsidio extraordinario por desemprego para os traballadores e as traballadoras temporais. Subsidio para as persoas traballadoras do fogar”, relatou.
Ingreso Mínimo Vital e Fondo COVID
Sen esquecer o Ingreso Mínimo Vital. “Na nosa provincia atenderá a preto de 13.000 persoas que rescataría da pobreza extrema. O Ingreso Mínimo Vital, garantirá entre 5.500 e 12.000 euros ao ano/fogar”. Tamén aludiu ao Fondo COVID, “son concretamente 16.000 millóns para as comunidades autónomas para axudalas a combater os efectos da pandemia, financiar o incremento do gasto sanitario, compensar a caída de ingresos e sentar as bases da recuperación económica e social”, explicou.
Necesitamos un goberno progresista
“O 12 de xullo temos unha oportunidade única para impulsar Galicia e a provincia de Lugo. Necesitamos un goberno progresista para priorizar medidas de fomento do emprego especialmente dirixido á mocidade e persoas paradas de longa duración, así como aos colectivos máis afectados polos efectos da pandemia. Ou a axilización durante 2021 da convocatoria de oposicións e concursos derivados das Ofertas de Emprego Público pendentes de xestionar”, citou a modo de exemplo entre as propostas do PSdeG-PSOE.
Patricia Otero advertiu que “O 12X Feijóo non pode seguir outros catro anos recortando, destruíndo emprego e desmantelando a sanidade. Queremos que Galicia e Lugo progrese, coa axuda do Goberno de Pedro Sánchez, defendendo a sanidade, as políticas sociais e unha nova política económica que non deixe a ninguén atrás”, resumiu.