Site icon Crónica3.com A Mariña

Os usuarios e usuarias do Hospital Asilo e do Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo están a recibir as visitas das súas familias, seguindo o protocolo de protección e hixiene correspondente

 Ribadeo, 1 de xuño de 2020. Os usuarios e usuarias do Hospital Asilo e do Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo están a recibir as visitas das súas familias, seguindo o protocolo de protección e hixiene correspondente.
A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que “elaboramos unha listaxe de persoas de referencia por cada residente, que deben estar exentas de síntomas compatibles coa Covid-19 para poder realizar a visita. E a esas persoas realízaselles unha avaliación de síntomas mediante unha enquisa clínico-epidemiolóxica antes do acceso a estes centros”.
Freire Rancaño indicou que “as visitas estanse a organizar en quendas con cita previa e danse para que non coincidan dúas ao mesmo tempo no centro. Estase a permitir unha visita á semana por parte da persoa de referencia de cada residente”.
A edil ribadense dixo que “unha vez nas residencias, ás que teñen que acudir con máscara, verificarase que realizan a hixiene de mans. Segundo a fraxilidade da persoa residente, a visita poderá realizarse no exterior ou nun espazo interior habilitado para tal fin. Na parte traseira do Hospital Asilo colocouse un banco para que estas visitas poidan ter lugar ao aire libre e no caso do Centro de Atención a Persoas Maiores poderán ser no xardín. Soamente se realizarán visitas na habitación no caso de residentes encamados. Na medida que sexa posible, estableceranse circuítos de entrada e de saída diferenciados”.
A responsable de Servizos Sociais engadiu que “intensificáronse as medidas de limpeza e desinfección entre quendas e ao finalizar o horario de visitas. E insisto en que é obrigatoria a utilización de máscara en todos os espazos dos centros residenciais, tanto por parte do persoal como das visitas. Tamén é obrigatorio respectar a distancia de 2 metros co resto das persoas”.

Exit mobile version