Site icon Crónica3.com A Mariña

“Urxente: unha súplica para salvar A Mariña (II)”, por Alfonso Villares

Hai persoas, entidades, administracións, que están dicindo cousas que para nada nos interesan neste momento se realmente queremos resolver o noso porvir. E dígoo moi alto e repito, temos que resolver urxentemente o noso futuro. E está nas nosas mans. Algunhas desas persoas aínda non son conscientes do que nos pode vir encima se pecha a nosa fábrica; hai outras que por desgracia se están aproveitando da desesperación e da dor de moitos mariñáns para enganarnos e confundirnos.
É moi fácil resolver o problema. E pídolle a todos os veciños que por favor intenten comprender a súa fácil resolución. Non se trata dun problema de “mecánica cuántica” senón dunha simple operación de “álxebra básica”. Pero entendo que á xente nos custe crer que sexa unha solución tan doada como calquera desas operacións e problemas que temos todos os días nas nosas casas.
O gasto da nosa empresa en enerxía é do 40% do seu gasto total. Foi así sempre. Para poder competir no mercado o Estado sempre puxo diñeiro para minimizar o custo dese gasto enerxético.
Dende os inicios, o que o Estado español leva posto son en torno a 90 millóns ao ano e agora, dende fai dous anos só están poñendo 20 millóns anuais. Faltan 70 millóns anuais que o Estado español nolos quitou e que os derivou a outras zonas de España.
Se a calquera de nós, nas nosas casas, nos quitan os cartos para facer a compra da comida, ninguén nos pode pedir que comamos de igual forma. Tampouco poden pedirnos que fagamos un plan de alimentación para os próximos anos, sen contar cos ingresos que nos fixeron falta sempre para comer.
Como pode ser que aceptemos que o Goberno nos diga que sigamos producindo aluminio de igual forma pero sen contar con 70 millóns dos 90 que viñamos necesitando sempre?!
Como pode ser que aceptemos que o goberno nos bote en cara que levamos recibido moitos cartos nestes anos?!
Porque todos os cartos que se di que viñeron para Alcoa, en realidade viñeron para a comarca. Viñeron para todos e cada un dos salarios de moitos veciños traballen ou non na nosa fábrica.
Esta semana houbo outra reunión crucial entre o comité de empresa, administración autonómica e administración local. Todos os alí presentes coincidimos ao 100 % en que o Goberno central ten que convocar urxentemente a poxa de interompibilidade para este próximo semestre. E que nesa poxa devolva os bloques de 90 megavatios que retirou nas últimas poxas que fixo. Estes bloques son os que envolvían os 90 millóns que virían para a nosa comarca, para a nosa empresa.
E tamén coincidimos todos os alí presentes ao 100 % en que o Goberno central aprobe as alegacións que conxuntamente fixeron o comité de empresa e as administracións autonómicas de Galicia, Asturias e Cantabria.
Se fai iso o Goberno e o fai xa, a nosa empresa está salvada.
Si dá eses pasos o Goberno e a empresa quere pechar igualmente, entón si que será a empresa a responsable do problema, pero nestes momentos a responsabilidade é do Goberno do estado e entenderémolo calquera veciño que queira ver realmente a raíz do problema.
E por que digo isto?
Porque o goberno está pretendendo que sigamos alimentándonos sen darnos os cartos que tiñamos para comer.
Porque o Goberno está pretendendo que sigamos producindo aluminio sen contar cos 70 millóns anuais dos 90 millóns anuais que nos fixeron falta sempre.
Pedímoslle por favor, suplicámoslle ao Goberno que nos devolva os cartos que nos quitou.

Exit mobile version