Con esta achega económica da Deputación vanse mellorar os accesos ao Miradoiro dende o Campo dos Paxariños, ampliando a vía e repoñendo o firme, que será dotado dun novo pavimento de aglomerado en quente nos últimos tramos do acceso. Tamén se vai acondicionar con zahorra o camiño que une este edificio directamente con Mondoñedo, que agora mesmo se atopa inaccesible.
No propio edificio do Miradoiro está previsto realizar unha limpeza exterior dos muros e pintar de novo con pinturas á cal. Ademais, faranse reparacións puntuais das carpinterías exteriores que se atopan en mal estado para garantir a seguridade de acceso ao edificio. Así mesmo, vanse acondicionar os peches de protección de desniveis mediante reparación e reposición de elementos deteriorados por outros semellantes aos existentes con tratamentos de superficie.
A institución provincial cedeulle ao Concello de Mondoñedo este edificio para que realice os usos que considere oportunos para sacarlle a máxima rendibilidade social posible. Tomé Roca fixo efectivo o acordo de cesión deste inmoble este venres, ao entregarlle ao Alcalde de Mondoñedo as chaves do edificio e formalizando en escritura pública esta transmisión.
A Deputación realizou unha primeira fase do proxecto ao abeiro dun obradoiro de emprego no que traballaron 20 persoas realizando a reconstrución do edificio. Durante ese período leváronse a cabo labores de acondicionamento interior, retirouse o mobiliario e os elementos deteriorados para repoñelos por outros novos, e tamén se actuou sobre os muros exteriores. Así mesmo, mellorouse a zona de aparcadoiro e a zona de acceso peonil.